Resultados da xornada

Clasificación tempada 2012/2013

lunes, 30 de noviembre de 2009

Nova derrota do Ames desta volta en Rial (2-0)

O Ames desprazouse este sábado ao Val do Dubra en pleno temporal para enfrontarse a un rival directo na zona medio-baixa da táboa, o Rial. O encontro arrancou con quince minutos de retraso debido a un apagón provocado por un raio. Tras gardar un minuto de silencio comezou o encontro, con susto para o Ames. Aos 20 segundos, o Rial estrelaría un disparo no poste, avisando aos amienses. O Ames intentaría xogar a pelota nun campo que non se prestaba para iso, e o Rial empregou un fútbol máis práctico e directo, ao que os visitantes tamén recurrirían en certos tramos do partido. Así fóronse dando as primeiras chegadas, e nunha delas, o Rial anotaría o primeiro gol. O dianteiro local engancha unha bolea que se cola a media altura preto do poste, establecendo o 1-0. Pouco despois, Moncho puido empatar. Recolleu un balón na área pequena e disparou a porta, pero o porteiro e a parte exterior do poste evitaron o gol do Ames. O Rial golpearía de novo a meta de Juan, nunha falta lonxana que se envenena en dirección á escadra amiense. Juan intenta atrapa-lo balón pero finalmente cólase de novo no fondo das mallas. Pero o Ames, acostumado a remar contracorrente, non se veu abaixo e nos últimos 20 minutos da primeira parte tivo ocasións para reducir distancias. Nito internouse na área desde a banda, sendo derrubado por un defensor local, pero o árbitro deu a lei da vantaxe (si, todos nos preguntamos que vantaxe.... iso si, foi o único erro de bulto que tivo en todo o encontro). Logo entre Moncho e Adrián estiveron a piques de marcar en sendos remates fallidos na mesma xogada. Sería Adrián o que ía ter unha das mellores ocasións para os visitantes. Miki saca unha falta lateral e o zurdo amiense cabecea cara atrás desde o primeiro poste. Cando parecía que o balón se colaba na meta do Rial, apareceu o porteiro enviando o balón a córner. Antes do descanso, o Ames tería a oportunidade máis clara. Adrián recibe de costas na área do Rial, e un defensor golpéalle o pé mentres intentaba despexar. Miki lanza o penalti raso a un lado, pero o porteiro local atalla o lanzamento. Pese á falta de acerto, o Ames chegou ao descanso cunha boa actitude ofensiva, que invitaba a pensar na remontada. Na segunda parte a choiva parou e o Ames puido facer mellor fútbol, aínda que con algunha ocasión menos que na primeira metade. Miki rematou desde punto de penalti tras un córner, pero o esférico sae por riba do longueiro. O Rial intentaríao ao lonxe, pero sen éxito. Os locais puideron facer o terceiro pouco despois, pero o seu dianteiro picou o balón por riba de Juan, coa fortuna de que golpeou no longueiro e non chegou a entrar. As ocasións baixaron por ambos bandos na recta final, salvo a última, que sería para o Ames. Juansiño realiza unha gran xogada persoal pero o seu remate sae mordido e non alcanza o gol. Pese á derrota, o Ames mellorou a súa imaxe, pero deberá acertar no remate para derrotar ao Vila de Ordes (que está en liña ascendente), o domingo en Castiñeiro de Lobo.

1 comentario:

Diego Villaverde dijo...

gracias novamente a Adrián polas crónicas, estas últimas foronche ben extensas, un crack este adri!! vémonos o venres rapaces, voulle botar unhas patadiñas con vós que xa o boto de menos!!

Fotos do Ames