Resultados da xornada

Clasificación tempada 2012/2013

lunes, 28 de septiembre de 2009

O Ames remata a pretemporada cun empate a tres goles fronte ao Bertamiráns "B"

O Ames finalizou este domingo a pretemporada cun bo partido ante o filial do Bertamiráns no que houbo moitos e moi bos goles, alternativas no marcador e cousiñas destacables no equipo visitante. Con este encontro, o Ames mellorou moito en relación a anteriores compromisos, con moi boa actitude, moita intensidade e unha notable melloría no físico, e cunha circulación de balón aceptable e en ocasións brillante. O Ames marcou pronto, gracias á pillería de Nito, que lanzou unha falta directa á mesmísima escadra, ante o estupo da defensa e o porteiro locais, que colocaban unha barreira que ninguén pedira. Un gol que de seguro tería entrado aínda que o porteiro estivese atento, xa que foi lambendo a escadra. Neses minutos iniciais o Ames meneou ao conxunto local, que tardou en atoparse no campo. Cando o fixo, aproveitando un pequeno respiro dun bo Ames, chegaron dous goles case seguidos do filial do Bertamiráns. O primeiro tras unha segunda xogada nun córner, e o segundo, tras un erro defensivo. Pero os visitantes tiñan ganas de amosar que van dar guerra este ano, e nunha xogada medio ensaiada, Adrián sorprendeu a todos cun disparo que se colou na meta local establecendo a igualada. Antes do descanso foi expulsado por dobre amarela o xogador local Roi, que levaba dez minutos no campo. Na reanudación, o Ames fixo varios cambios e deu entrada a todo o banquillo salvo Carba, que entraría máis adiante. O equipo seguiu con moi boa actitude e intensidade, sen pasar apuros en defensa e chegando con certo perigo á área rival. Dúas faltas lonxanas colgadas desde a defensa estiveron a piques de adiantar ao Ames. Sí o faría Miki nunha gran xogada individual mediada a segunda parte. Recibiu o balón na medular, xirouse e iniciou un slalom en dirección á área. Tras amagar o pase a Nito, que se desmarcaba, Miki encarouse cara á meta e lanzou un disparo seco á base do poste, sen que Chu poidese detelo. O Bertamiráns B empataría pronto, tras un saque de banda, a parede chegou ó sacador, que viu a Juan semiadiantado e sorprendeuno cun disparo ao segundo pao, preto da escadra. Ambos conxuntos dispuxeron dalgunha que outra ocasión ata o final do partido, pero a igualdade presidiu o marcador final. O Ames inicia a liga o vindeiro domingo no campo de Castiñeiro do Lobo ante o Resmón.

domingo, 27 de septiembre de 2009

Último amigable da pretemporada contra o Bertamiráns "B"

O Ames desputa esta tarde ás 17:00 horas o último amigable da pretemporada ante o filial do Bertamiráns no Campo Municipal de Bertamiráns. Chete e Miki farán as últimas probas, menos que nos anteriores compromisos, perfilando xa o equipo que debutará en liga o vindeiro domingo en Castiñeiro do Lobo ante o Resmón (16:30 horas).

domingo, 20 de septiembre de 2009

MIGUEL VILLAVERDE VARELA "MIKI"

Seguimos co capítulo de entrevistas aos xogadores do Ames, desta volta co míster-xogador Miki, que este ano fará tándem con Chete na dirección técnica do clube. Aquí está o resultado da entrevista...

Boas Miki, comezamos unha nova temporada coa axuda de Chete na dirección técnica ¿cómo a afrontas tras dous anos de míster? Pois a verdade é que coma todos, con ilusión por mellorar o feito o ano anterior. E sobre todo, por seguir a desfrutar do fútbol na compaña dos amigos.

Defínenos un pouquiño o teu xogo, as túas virtudes e os teus defectos… Pois considérome un xogador de equipo, sempre disposto a adoptar o rol que en cada momento precise o grupo. Aínda que ben claro queda para os que compartiron partidos conmigo, que me gusta participar moito coa pelota e ben sabida é a miña afección por asistir aos compañeiros mais que por anotar goles, aínda que tamén me gusta.

Desde o teu posto observas moito ao grupo, ¿qué cres que lle falta ao equipo? Pois a verdade é que creo que lle fai falta crer en si mesmo. Se todos déramos o 100% a nivel de compromiso co grupo, poderiamos facer unha boa temporada. Iso, e tamén ser máis regulares na asistencia aos adestramentos, que son a base de todo.

¿Qué esperas mellorar este ano con respecto a outros tanto a nivel individual como a nivel colectivo? Pois a nivel colectivo espero que o equipo siga a medrar no aspecto competitivo, sabendo interpretar os partidos e xogar en todo momento como a situación o requira. E a nivel individual, centrarme un pouquiño máis nos partidos, xa que o meu papel no equipo a veces fai que me despiste un pouco; e sen falsa modestia, o equipo notaráo para ben.

Son xa moitos anos xogano neste equipo, ¿con que momento te quedas da túa traxectoria no Ames? Pois non sei, foron moitos momentos bonitos ao longo de todos estes anos… se cadra o momento máis bonito fose aquela Copa do Sar na que chegamos ata os cuartos de final…

¿Un momento para esquecer? Se cadra o atraco a man armada perpetrado por Don Evaristo na Copa de Ames ante o Ortoño… lamentable e indignante.

¿Con que feudo do Ames te quedas, con Covas ou con Castiñeiro do Lobo? Sen dúbida con Castiñeiro de Lobo.

¿Cal foi o mellor xogador co que xogaches no Ames? Que conste que non é por cuestión de sangue, e aínda que podería haber aquí outros dous ou tres nomes, quédome con Diego.

E xa a nivel máis xeral, ¿cál foi o mellor xogador co que xogaches e onde? Pois depende. En canto a condicións individuais, un rapaz co que compartin os anos de fútbol base na Baña chamado Gómez, e despois non sei, moitos, aínda que gardo un moi bo recordo de Pipi e Rafita, cos que xoguei no Covas.

¿O mellor adestrador que tiveches? Sen lugar a dúbidas Suso de Lañas, por incrible que lle poida parecer a algúns. Foi o primeiro adestrador que tiven e ensinoume todo isto do futbol, como o tiña que interpretar e usar os meus recursos en beneficio do equipo. Él non o sabe, pero sempre lle estarei agradecido por todo o que me ensinou.

¿Cal foi a categoría máis alta na que xogaches e en que equipo? Pois na 2ª Autonómica na xa desaparecida U.D. Covas.

¿Un rival que che motiva? Calquera derbi sempre é especial, pero igual os do Ortoño máis ainda.

¿Qué é o que máis che gusta do Ames? Que somos unha familia.

¿E o que menos? Que non se imaxina a xente as voltas que se dan para chegar sen débedas á fin de tempada.

E xa para rematar Miki, ¿qué che parece este blog? Pois unha gran idea, xa que é un punto de información, debate e xuntanza, onde todo aquel interesad@ con todo o relacionado co CSD Ames poida conectar con outr@s coma el e seguir todo o relacionado co equipo.

lunes, 14 de septiembre de 2009

A relaxación permítelle ao Muros xuvenil levarse o amigable en Ames (4-5)

Este sábado o Ames desputou un novo amigable de pretemporada ante o equipo xuvenil do Muros, que ven de ascender á Liga Galega Xuvenil. O conxunto local saíu algo despistado e o Muros adiantouse nas primeiras xogadas do encontro tras un saque en corto de Carba que aproveitou o dianteiro muradán para enviar o balón ao fondo das mallas. O Ames andivo uns minutos desorientado tras encaixar un gol tan tonto, pero tras un par de axustes no medio do campo a cousa mellorou e chegou o gol do empate. Unha parede entre Diego e Moncho acabou nun pase en profundidade do segundo. Diego meteu a punteira antes que o porteiro tocando o balón cara ó lado tenso só que empurra-lo coa perna esquerda. Co empate chegaron os mellores minutos do Ames, tocando ben o balón e entrando polas bandas. O segundo gol amiense veu tras un saque de banda, con parede entre Roi e Moncho, e centro rematado de bolea por Juansiño co premio do gol. Na segunda parte, o Ames confirmou a súa melloría co terceiro gol, tras un centro desde a banda de Miki que Neo rematou a gol enriba da liña. Co tres a un o Ames relaxouse e deixou pasar os minutos, mentres pouco a pouco o Muros foi adueñándose do esférico e achegándose á área local. En pouco menos de dez minutos o Muros empatou o encontro tras un par de erros da zaga local nas inmediacións da área. O cuarto gol dos visitantes chegaría en posible fóra de xogo, e o Ames empataría pouco despois cunha xogada de Juansiño desde a esquerda con remate potente ás mallas tras superar ao porteiro. Pero na recta final do partido chegaría o quinto do Muros, tras unha falta lateral, o mediapunta visitante recolleu o balón de costas á portería e rematou xirándose axustado ao pao. Ao final derrota que pon de manifesto que este equipo nunca se debe relaxar se quere garantir resultados.

A nosa última enquisa revela os factores da melloría do equipo: mellor colocación, máis garra e máis toque

Tras 8 votos, así quedou a votación da nosa última enquisa, sobre a melloría amosada ante o Viduido:

1º Mellor colocación 2 votos
1º Maior garra no campo 2 votos
1º Máis toque de balón 2 votos
2º Fichaxes moi activas 1 voto
2º Máis tiros de fóra da área 1 voto

En breve teredes a crónica do último amigable e unha nova enquisa.

lunes, 7 de septiembre de 2009

O Ames mellora a súa imaxe pese a perder pola mínima tras un autogol en Viduido (1-0)

O Ames visitou onte Viduido coa mente posta en mellorar a mala imaxe amosada nos dous últimos amigables de pretemporada, algo que conseguiu ao plantexar un partido con máis garra e co equipo ben plantado comezando a presión de xeito ordenado. Desde o inicio o Ames estivo ben concentrado, solventando as poucas chegadas do Viduido, e chegando moi ben arriba, con perigo a través de Neo, que disparou un par de ocasións desde a frontal, e con Miki, nunha falta lonxana no inicio que acabou en córner. A balón parado o Ames tivo as mellores ocasións, nunha delas, Diego peinou un córner desde o segundo pao e Neo rematou frouxo pero esquinado. O Ames sufriu algo nalgúns balóns longos do Viduido, pero a liña defensiva saíu ben ao fóra de xogo, anulando o perigo, incluso os locais viron como o árbitro lles invalidaba un tanto por este motivo. Na reanudación, o Ames seguiu ben plantado pero ambos conxuntos baixaron o nivel e a intensidade no xogo. O Ames seguiu aparecendo pola área local sobre todo a balón parado, con varias faltas laterais e córners que a piques acabaron en gol. Nunha delas, un defensor local case marca en propia meta; noutra, Neo cabeceou por riba. O Viduido chegaba con balóns en longo ás bandas que apenas inquietaban a meta de Juan, seguro nas saídas. O Ames tivo as mellores oportunidades da segunda metade, a máis clara nos pés de Neo, que disparou raso e abaixo, obrigando ao meta local a intervir despexando a córner. O árbitro anulou ademais dúas chegadas de Neo moi dubidosas, desquiciando por momentos ao Ames. Finalmente, o Viduido levouse o partido nun córner no que ninguén acertou a despexar. O balón chegou ao segundo pao, golpeou a Adrián e colouse na meta do Ames. Ao final, e pese á derrota, o Ames recupera sensacións de cara á recta final da pretemporada. O sábado, amigable en Lestedo.

Fotos do Ames