Resultados da xornada

Clasificación tempada 2012/2013

jueves, 17 de diciembre de 2009

Carta aos meus compañeiros, ¡moi deliciosa!

Inauguramos hoxe en esedeames.blogspot.com, na antesala do último encontro da primeira volta, un novo apartado neste blog, centrado no xénero do artigo (ben sexa de opinión ou de carácter máis ensaístico). Será unha sección sen periodicidade fixa, e nalgúns casos virá marcada polos acontecementos e circunstancias que rodeen ao equipo. Noutros, polo grao de morriña de quen escribe por eses fríos martes e venres á calor do vestiario e dos compañeiros. E outras veces polas dúas cousas, coma é o caso. Estes días nas clases do Master estamos dando a columna de opinión con Fredéric Hermel, corresponsal en España do diario L'Equipe e da revista France Football, a que outorga o Balón de Ouro. Ao día seguinte tivemos entremedias unha clase con Itziar Eraña, que foi psicóloga da Federación Española de Tenis nos 90 e que segue moi de preto o aspecto psíquico de moitos deportistas de élite. Foi ela, falándonos sobre a motivación no deporte, a que nos contou a historia que aquí vos relato, guiado polas ansias de escribir artigos que me contaxiou Hermel. O artigo leva un final da miña colleita, levado á realidade do Ames, confiando en que vos sirva para continuar coa ilusión e a motivación o máis intacta posible, a pesares de que os resultados non acompañen. Espero que vos guste...

...A noite antes de que a selección española de fútbol sala desputase a final do Mundial do ano 2000, o adestrador nacional por aquel entón, Javier Lozano, apenas puido pegar ollo. A culpa tíñana os seus xogadores e o ambiente de euforia que rodeaba o hotel de concentración trala xesta que a selección acababa de facer ao clasificarse por segunda vez consecutiva para a final. Alí esperaba novamente Brasil, a selección invencible. O equipo que se adxudicara os tres Mundiais de fútbol sala que se levaban desputados ata ese momento (89, 92 e 96). A máquina perfecta que xa derrotara a España na final do 96 por 6 goles a 4. Pero daquela pasaran catro anos, e a final había que xoga-la. Iso era o que pensaba Javier Lozano. Pero semellaba que os xogadores non opinaban o mesmo, xa que non paraban de realizar chamadas aos seus familiares, explicando o contentos que estaban por chegar outra vez á final e dando detalles da prima que xa conseguiran por repetir o pase. Aquela noite Javier Lozano deitouse coa mosca detrás da orella, pensando en como motivar aos seus xogadores para que afrontasen como posible e realizable o que a todos lles parecía imposible. Brasil era Brasil. De noite, Lozano repasou unha e outra vez as posibles situacións que se podían dar no partido. Á mañá seguinte, levantouse coa mesma preocupación. Durante todo o campionato, á hora do almorzo os xogadores compartían unha mesa e o grupo de adestradores e preparadores facía o propio noutra contigua. Esa mañá, Javier Lozano colleu un ovo e unhas tiras de beicon e pasou de largo a mesa dos técnicos, para plantarse co seu almorzo diante de tódolos seus pupilos. Os xogadores da selección quedaron calados, mirando ao seu adestrador sen saber moi ben que facer. Lozano ensinoulle-lo prato e preguntoulles que vían nel, sinalando primeiro ao ovo fritido. Ninguén se atrevía a respostar, ata que o máis avezado dixo: “un ovo”. O adestrador preguntou novamente: “¿E que hai que facer para conseguir un ovo?” Silencio entre os xogadores. “Moi fácil, unha galiña ten que caga-lo”, exclamou o seleccionador, molesto. “¿E qué vedes aquí?”, dixo sinalando as tiras de beicon. “Beicon”, oíuse na mesa de xogadores. “¿E que hai que facer para conseguir beicon?”, preguntou, obtendo novamente o silencio como resposta. “Sacrificar un porco”, dixo o adestrador con voz firme. “Vós veredes o que queredes ser”. E dito isto, colleu o seu prato e volveu cara a mesa onde estaba o seu equipo de axudantes. Aquel día, a selección española de fútbol sala fixo historia ao proclamarse campiona do Mundo por primeira vez, derrotando por 4 goles a 3 á todopoderosa Brasil. Aquel equipo conseguiu o que a ollos de todos parecía imposible de lograr. Á marxe de que o grupo de xogadores cos que contaba a selección naqueles anos era espectacular, Javier Lozano demostrou a súa capacidade para motivar a un equipo que prácticamente daba por perdida a final. Soubo tocar a fibra dos seus xogadores, facéndoos pensar noutro resultado posible, tocándoos no seu orgullo. Fixo que en vez de saír a poñer ovos coma as galiñas, cada xogador saíse a sacrificarse polo seu equipo. Despois o porco pode saír bo ou malo, mellor ou peor, pero saír… hai que saír ao campo a mata-lo. E xa que estamos en época de matanza, ¿sacrificamos un porco? Eu estou convencido de que o porco deste domingo vai saír bo. Xuntos imos ir para adiante. ¡¡Ánimo rapaces!!

2 comentarios:

Frannavaro dijo...

moi boa a carta tio, a verdad e que fai boa falta algo de motivacion, bueno bastante motivacion, xa que estamos bastante tocados e non pinta moi ben, pero nesos momentos ai que facer equipo e sacala casta e tirar pa diante,haber se entre todos saimos desta mala racha... dunha vez por todas

Adrián dijo...

Este domingo gañamos sí ou sí me cago na puta! E vou meter un gol dunha puta vez tamén xD

E incluso ata Neo vai meter un gol! jaja.

E falo en serio xD

Fotos do Ames