Resultados da xornada

Clasificación tempada 2012/2013

martes, 18 de agosto de 2009

FRANCISCO CASTRO CASTRO “FRAN"

O noso compañeiro Fran foi o primeiro en estrear a nova sección deste blog, un cuestionario para coñecernos todos un pouquiño mellor nesta nova temporada que arranca. Pouco a pouco a ver se todos vos ides sometendo a él, e pasamos un anaco divertido repasando a historia recente do Ames e algunha que outra anécdota.


Fran, ¿cómo afrontas o novo ano? Pois como sempre cando empezas unha nova temporada afronta-la con moita ilusión, tanto por ver á xente nova e os cambios que poden chegar ao equipo, como pola repercusión que terá a nivel de xogo ou de cambio de posicións. Aparte de poder poñerte a nivel personal unha nova meta cada ano que empezas e saber se a conseguirás, para aportar o máximo que poidas ao equipo... pero sen dúbida o que mais ilusión me fai é ver aos compañeiros e compartir ratos con eles, cun balón de por medio.

Cóntanos un pouco como defines o teu xogo, sobre todo para que a xente nova te poida coñecer mellor. Dinos tamén algunha virtude e algún defecto da túa forma de xogar. Gústame moito o xogo de combinación, con moito toque no medio do campo e poder saír sempre co balón xogado (aínda que nestas categorías é difícil). A min gustaríame definirme coma un pasador, sempre tiven bo ollo para os pases ao oco, e un bo toque para os centros desde a banda. Aínda que agora mesmo xogando de central tal vez a mellor virtude sería a colocación e chegar ben aos cortes en balóns divididos, porque creo que interpreto ben as xogadas. Sen dúbida teño moitos defectos, creo que a falta de velocidade para recuparar a posición nas saídas, xa que me quedo á hora de tirar o fóra de xogo algo retrasado, e aínda me costa tirar a línea algunhas veces (risas). Outro defecto sería que me costa meterme nos partidos, sempre tardo algo máis que a maioría dos compañeiros, pero eso pasoume sempre e seguirá así ata que deixe de xogar (risas), e seguro que se lle preguntas aos compañeiros algún defecto máis che dirán (e máis risas).

Segundo o teu punto de vista, ¿qué cres que lle falta ao equipo? Para empezar creo que ao equipo lle fai falta un cambio radical en canto á forma de xogar sobre todo. E despois gustaríame que houbese un entrenador sen que fose entrenador-xogador. Non me malinterpretes, Miguel fai un esforzo enorme para que todo funcione e logremos ser mellor equipo, e eso valoroo moitísimo, pero non se pode estar en todo, e agora mesmo Miguel esta un 50% de xogador e outro 50% de entrenador, non consigue adicarse de pleno a ningunha das dúas cousas, por moito que o intenta. Volvendo á forma de xogar, creo que neste equipo falta o máis primordial, que é o espíritu de superación e a competitividade nalgúns momentos ao longo dos anos e das temporadas. Resumindo, saber competir mellor!! E no plano táctico, creo que falta un tío referencia no medio que marque a pauta de xogo do equipo, e un dianteiro que marque goles con mais facilidade, xa que nós somos dos equipos que máis ocasions xeneran, pero non convertemos nin a metade delas.

En virtude a isto, ¿qué esperas mellorar este ano con respecto a outros tanto a nivel individual como a nivel colectivo? Se melloro a nivel individual significará que subiu o nivel colectivo, estou seguro!. Só penso en poder aportar o mellor e o máximo que poida ao equipo. Este ano teño moi boas sensacións, hai que mellorar moito aínda, pero as pretemporadas están para eso. O ano pasado fixemos un moi bo arranque de liga, pero non soubemos aguantar o tirón da temporada, este ano hai que facer fincapé neso e ter maior continuidade. A nivel individual espero mellorar o rendemento persoal reducindo ao mínimo os fallos e cun propósito: ¡este ano non me van expulsar ningunha vez! (risas).

Es un dos xogadores que máis anos leva no equipo, ¿con que momento te quedas da túa traxectoria no Ames? Estar no Ames é o mellor, porque me deu moi bos momentos e permitiume coñecer a moita xente. Pero sen dúbida, se me teño que quedar cun momento, ti xa saberás cal é (risas), é a tanda de penaltis contra o Queiruga na Copa do Sar de fai cinco anos, ese último penalti que nos deu o pase a cuartos de final. Sempre me acordarei diso. Pola celebración, pola xente que veu ese día a ver o partido, e un montón de cousas máis. Ese foi o mellor momento no que a xogo se refire que tiven no Ames.

¿Un momento para esquecer? Pois por exemplo as derrotas contra o Conxo nos cuartos da Copa de Sar, aquel mesmo ano. Para nós xa era unha fazaña estar en cuartos, fomos con moita ilusión ao partido en Conxo, aparte de levar moitas baixas. Creo recordar que só fomos trece pero de todos modos levamos un correctivo moi duro, e baixamos da nube pronto. E despois o partido de volta en Mar de Ovellas, onde só queríamos dar unha boa imaxe xa que a remontada antollábase moi moi difícil, pero como din por aí, que nos quiten o bailado ese ano!!!! E máis recentemente… pois a derrota contra o Costoia e a Sionlla o ano pasado, creo que nos fixeron tocar fondo pero o bo era que peor non podíamos ir. Eso fixo reaccionar ao equipo, e demos a cara o resto da temporada. E como olvidarme dos malos momentos que pasei debido ás arbitraxes tan malas que tivemos, eses elementos sí que son para esquecer. Non direi nomes pero todos vos acordades do partido de Ortoño fai uns anos, contra o Brión no campo de Bastabales, ou o de Resmón a temporada pasada, e bastantes máis que me deixo no olvido… pero en fin, o feito, feito está.

Falabas antes do campo de Mar de Ovellas, ¿ti con cál te quedas, con Covas ou con Castiñeiro de Lobo? Para min o campo de Covas, é decir o Castro, ten un valor moi emocional, xa que vin o mellor U.D. Covas xogar alí, nun equipo onde xogaban os meus irmáns e o meu cuñado. Neste campo é onde empecei a xogar ao futbol, teño moi bos recordos del, como xa dixen para min ten un gran valor emocional. En Castiñeiro de Lobo respírase outro ambiente, é a casa do C.S.D. Ames. Alí experimento algo parecido a cando empecei xogando no Castro. Agora volvemos alí despois de 4 anos, e espero que iso nos axude a xogar mellor e a motivar á xente. Como podes ver, non sabería escoller un. Cada un ten o seu punto a favor.

Despois de tantos anos, ¿cal é o mellor xogador co que xogaches no Ames? Bufff!!!! Esta é difícil... podería dicirche moitos nomes, xa que para min xogaron e xogan moi bos xogadores no Ames. Pero se hai un xogador que está no Ames desde o principio coma min, desde o ano 2000, e sempre deu a cara e xogou cada partido coma unha final é Diego Villaverde. Ten un gran compromiso co equipo e xogando ao lado del todo é máis fácil,sobre todo dinme conta cando empecei a xogar de central ao seu lado.

¿E o mellor xogador co que xogaches noutros sitios? Para min sería Moncho Pose. Teño unha gran amistade con él, case como irmáns. Gustoume moito compartir equipo con él, xa que teño unha espiña clavada que é non poder xogar ao fútbol xunto cos meus irmáns, pola diferencia de idade. Para min Pose é como un irmán, por iso me gustou xogar xunto a él no U.D. Covas e fai pouco no Ames, aínda que durou pouco. Non sei se será o mellor xogador co que compartín equipo, pero para min foi importante, e creo que ten moitas virtudes que o fan un bo futbolista.

¿Cal foi o mellor adestrador que tiveches? Non tiven moitos entrenadores distintos, pero para decir un, creo que foi Márquez, cando estiven no Covas.

Cóntanos cal foi a categoría máis alta na que xogaches e en qué equipo… Foi en Segunda Rexional, e xoguei unha temporada co Covas. Foi un bo ano que me serviu para medrar como futbolista, eu era xuvenil de último ano e non desputei demasiados minutos, pero sí os suficientes para aprender varias cousas que me serviron de moito no futuro. Había bo ambiente e tiña bos compañeiros modestos que sempre che aconsellaban ben.

¿O rival que máis che motiva? Sen dúbida calquera dos rivais que temos no Concello. Os derbis sempre motivan moito, nos últimos anos tivemos uns partidos moi duros co Ortoño, e sempre moi igualados e intensos. Aínda que ahora temos un novo rival que é o Bertamirans. Hai moitas cousas que me motivan ao xogar contra eles, tal vez porque a nós os do Ames nos tachan de equipo pequeno e pobre. Pero xa demostramos que non é así aínda que algúns aínda non o vexan. Sen dúbida a miña motivacion é contra estos rivais máis alta polo simple feito de demostrarlles que o Ames desde a humildade pode dar a talla ante calquera, sen ostentar grandes presupostos e nomes de xogadores importantes a nivel do Concello.

¿Qué é o que máis che gusta do Ames? Sen dubida-lo nin un segundo a xente, é xenial. Teño a sorte de compartir equipo con tíos estupendos e moi vacilóns, a parte de ser grandes amigos e compañeiros, xente coma Cool, Casal, Miguel, Víctor, etcétera... Xente que fai os adestramentos máis amenos e mellora a convivencia entre os compañeiros. Ó final de todo é o que che queda despois do fútbol, a amistade coa xente coa que convives no equipo.

¿E o que menos? Pois a falta de apoio que recibimos tanto de patrocinadores como de segundas persoas involucradas no fútbol no noso Concello. E no noso clube, o exceso que hai de dependencia dos propios xogadores para manter o club en condicións. Creo que os xogadores xa desempeñan unha parte moi importante sen ter que exercer de utilleros ou marcar o campo e coidar e limpar as instalacións. Está moi ben arrimar o hombro, pero creo que aquí o levan un pouquiño máis alá. Aínda que por outra parte eso di moito do tipo de xente que hai neste equipo e o nivel de compañeirismo e compromiso que hai.

E xa para rematar Fran, ¿qué che parece o blog? Pois a verdade é que está moi ben e é digno de eloxio o esforzo que fas para mante-lo actualizado e dar a coñecer un pouquiño máis do noso clube a toda a xente que entra nel. A miña parte favorita no blog son os resumos dos partidos, sempre moi ben comentados, nin que foses periodista macho (risas). A verdade é que se agradece o teu esforzo por ter o blog actualizado de maneira que todos lle votemos un vistazo cada día, para saber as últimas noticias que hai no Ames. Para acabar quero agraderche que me escolleras para empezar esta nova sección do blog con estas entrevistas aos xogadores do equipo. Un placer tío, gracias!!

1 comentario:

Diego Villaverde dijo...

Gracias a ti Fran, todo un detalle o que dis sobre min, xa che pasarei os cartos que acordamos jajajaja

Fotos do Ames