O CSD Ames foi refundado no ano 2000 co obxectivo de darlle aos rapaces da parroquia unha nova forma de pasar o tempo libre. Co esforzo dos xogadores estamos competindo en afeccionados, onde xa compiten rapaces formados nas categorías inferiores. Aquí iremos dando conta de cómo nos vai.
lunes, 11 de mayo de 2009
O Ames é apeado da Copa do Sar ante o Dodro (4-2)
O Ames visitou Dodro a pasada fin de semana co obxectivo de acceder á seguinte ronda da Copa do Sar, ante un conxunto que está a piques de descender de categoría. A cousa foi ben ata a recta final do partido, onde os locais impuxeron o seu poderío físico. Porque fútbol pouco ofreceron. Sí o Ames, sobre todo na primeira media hora, onde tivo o encontro totalmente controlado. O conxunto visitante estivo ordenado, práctico co balón, sen complicacións atrás, e con saídas e combinacións perigosas arriba. O Dodro apenas pisou a área do Ames nos primeiros minutos de encontro. Os visitantes adiantáronse mediada a primeira parte, nun pase por riba da defensa que deixou só a Llello ante o porteiro. O ariete amiense picou o esférico por riba na saída do gardamallas e adiantou ao Ames. Na recta final do primeiro tempo, o Dodro saíu un pouco cara adiante, axudado por un árbitro excesivamente caseiro, con faltitas sempre a favor dos locais, e varias amarelas rigurosas cos xogadores do Ames, mentres eles non vían ningunha, aínda que protestaban a gusto. O empate local chegou nunha falta lateral que cabecearon a gol a medias entre Diego e o rematador local. O Ames puido anotar o segundo nun par de chegadas de Llello e Nito, e en dous córners a través de Diego. O primeiro rematouno desviado e o segundo non alcanzou a rematar a porta vacía tras tirarse en prancha no segundo pao. Na reanudación, o Ames saíu coa intención de marcar o segundo, e o Dodro continuou con dificultades para xogar ao fútbol. Meteu un home alto e comezaron a lanzar balóns en longo. O Ames comezou a sufrir con tanto balonazo, xa que á defensa costáballe recuperar terreo. O segundo gol do Dodro chegou aos quince minutos da segunda parte, nun balón que un dos seus dianteiros recolleu na esquina da área, percorreu uns metros en diagonal e disparou raso á cepa do primeiro pao sen qu Juan puidese atallar. O Ames non se amilanou e puido empatar na súa oportunidade máis clara. Llello picou de novo dentro da área o esférico por riba do porteiro, pero desta volta o gardamallas puido rectificar e salvou a pelota xusto enriba da liña. O empate chegou pouco despois, nun córner que Paco rematou a gol no segundo pao tras un rexeite. Pero o árbitro sabía ben a que non debía perxudicar, e tras birlarlle ao Ames un penalti sobre Juansiño na primeira parte, non dubidou na segunda parte en pitarlle un ao Dodro. Diego intentou despexar dentro da área e o ariete local meteu a prancha, golpeando os dous xogadores o balón. En vez de interpretar plantilla e falta a favor do Ames, o colexiado sinalou unha rigurosa pena máxima que o Dodro anotou. O Ames intentou nos dez minutos que restaban buscar a igualada, sobre todo a balón parado, pero nunha contra o Dodro marcou o cuarto gol, co equipo volcado e deixando máis ocos. Ao final, o Dodro pasa a seguinte ronda, e o Ames, fastidiado de camiño aos vestiarios, aínda tivo que escoitar os insultos da grada local, que na recta final do encontro amosou moi malos modales.
No hay comentarios:
Publicar un comentario